Thursday 16 de May de 2024

O Parador de Muxía acolle o acto de toma de posesión de Arturo Fuente Pedrejón como presidente de Protección Civil de España


O alcalde de Muxía, Iago Toba, e o resto de membros do goberno local estiveron presentes.
O Parador de Muxía foi o escenario escollido para a toma de posesión de Arturo Fuente Pedrejón, xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Getafe, como presidente da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España (ANAV).
Ao acto asistiu o alcalde de Muxía, Iago Toba, o primeiro tenente de alcalde, Javier Romar, e a segunda tenente de alcalde, Olalla Benlloch. Escolleuse este emprazamento xa que en Muxía está a sede nacional da Asociación de Voluntarios de Protección Civil.
Arturo Fuente, que xa ostentaba o cargo de presidente na anterior lexislatura, foi reelixido no mes de xuño durante o proceso electoral aberto para escoller a Xunta Directiva da Agrupación para o período 2020-2024. O resto de seu equipo directivo estará formado por: Juan Corral (Boqueixón) como vicepresidente primeiro, José Alvárez (Socuéllamos) como vicepresidente segundo, Ramón Pérez (Muxía) como tesorero e Oliva García (Bergondo) como secretaria. No mes de setembro comezarán a nomearse os delegados territoriais de cada comunidade autónoma para a presente lexislatura.
“Nuestras principales líneas de trabajo serán intentar firmar un convenio de colaboración con la Dirección General del Ministerio de Interior para formación del voluntariado e intentar crear, junto con las asociaciones hermanadas de Protección Civil de Francia e Italia, una asociación a nivel europeo”, destacaba Arturo Fuente.
Iago Toba, pola súa parte, aproveitou o acto para “agradecer a todos os voluntarios de Protección Civil o traballo que fan diariamente pero sobre todo o importante papel que tiveron durante o confinamento, encargándose de levar alimentos, menciñas ou material escolar a todos os fogares e poñendo en risco a súa propia saúde”.

Protección Civil conta actualmente con máis de 1.600 agrupacións en toda España e están presentes en todas as comunidades autónomas e as provincias, incluíndo Ceuta e Melilla, e engloba aproximadamente a 80.000 voluntarias e voluntarios.